Friday 19 de April de 2024

O Concello solicita a Portos de Galicia a reversión de 5 hectáreas de terreo da súa propiedade que está en centro urbano


• A superficie que ocupan estes terreos é practicamente a mesma que a zona portuaria, incumprindo así a Lei de Costas.

• Dentro deste espazo hai numerosos edificios e espazos verdes de uso público sobre os que a administración local vese obrigada a realizar un mantemento periódico.

• Cariño é un dos municipios máis prexudicados de Galicia neste sentido.

O Concello de Cariño volveu a solicitar a Portos de Galicia a reversión de 5 hectáreas de terreo da súa propiedade que están totalmente integrados no centro urbano e inclúen numerosos edificios e espazos de uso público veciñal, sendo un dos municipios máis prexudicados de Galicia neste sentido.
Esta é unha demanda histórica e constante do municipio, que iniciou no ano 1997 o proceso formal de solicitude tanto a Portos de Galicia como ao Ministerio de Transición Ecolóxica e reiterouno no ano 2011, 2015 e 2021, sendo así esta a cuarta ocasión na que se pide ao ente autonómico que resolva “o profundo agravio económico mantido ao longo dos anos cos veciños e veciñas de Cariño”, tal e como explica o alcalde, José Miguel Alonso Pumar.

A superficie que ocupan estes terreos, 5 hectáreas, é practicamente a mesma que a zona estritamente portuaria, de 6,5 hectáreas, e supón máis do 43% da totalidade dos terreos de Portos de Galicia en Cariño, incumprindo así a Lei de Costas que di que a superficie máxima permitida para usos na zona de servizo portuaria terá que ser inferior ao 10% da superficie de terra do porto.

Agravio económico e abandono dos edificios

Esta situación xera múltiples problemas tanto aos veciños como ao propio Concello, xa que en lestes terreos para os que se solicita a reversión atópanse diversos servizos públicos civís como a casa do concello, o centro de saúde, o mercado municipal, a Praza Vermella, o futuro Museo do Mar, etc. Por tanto, tanto as propiedades privadas como públicas deben abonar recurrentemente as correspondentes taxas a Portos de Galicia; mesmo por feitos tan cotiáns como a celebración de festas patronais, o mercado semanal ou eventos deportivos; e ademais sufragar os gastos de mantemento. Ademais, os seguros dos vehículos particulares non cobren danos sobre sinistros sucedidos na rotonda de acceso ao porto, de uso cotián por veciños e visitantes.

Doutra banda, na área indicada atópanse algunhas das máis relevantes e antigas fábricas conserveiras de Cariño, que mostran a día de hoxe un estado de abandono debido á falta de mantemento. Isto proxecta unha mala imaxe e compromete a posible rehabilitación futura do legado arquitectónico empresarial da localidade, ademais de supoñer un agravio comparativo para os veciños aos que desde o Concello incítaselles a manter as súas propiedades nun estado de conservación aceptable.

No escrito enviado polo Concello de Cariño queda patente o uso público civil habitual tanto do chan como dos inmobles polo que se solicita a declaración de innecesariedad de dominio público portuario das 5 hectáreas sinaladas anteriormente para logo continuar cos trámites de reversión, desafectación e modificación do deslinde marítimo terrestre para ser cedidos á administración local.